Inicio

Ideas teito de gasto peaxes AP-9 redución profesores redución deputados límite débeda Deputación Lugo

Xoves, 02 de Agosto 2012

TEITO DE GASTO

Galicia é a primeira comunidade autónoma en fixar o seu teito de gasto para o próximo ano. Faino de forma responsable e cumprindo cos límites de déficit e débeda marcados polo Goberno. Galicia é leal con España e traballará para ser parte da solución contra a crise, e non parte do problema.

A efectos prácticos, a rebaixa do teito de gasto é de apenas o 1%, xa que diversas medidas postas en marcha este mesmo ano compensarán a rebaixa dos orzamentos. Esa rebaixa supón algo menos de 100 millóns de euros, que se aforrarán eliminando ineficiencias, e contrasta cos axustes máis drásticos que teñen que facer outras comunidades.

A Xunta dirá novamente a verdade aos galegos, cuns orzamentos realistas, nos que haberá que facer axustes pero sen tocar o gasto social, de forma que se manteña a blindaxe sobre os servizos básicos esenciais.

Os últimos orzamentos do bipartito foron falsos do primeiro ao último euro, inflados e só pensados para obter beneficios electorais. Os últimos orzamentos do presidente Feijóo serán unhas contas realistas, comprometidos con Galicia, pensados para gañar a batalla da recesión, non as eleccións. Serán un exercicio de responsabilidade que os galegos saberán apreciar.

Ademais, Galicia seguirá mantendo o diferencial positivo de desemprego con respecto ao conxunto do Estado. Polo tanto, en 2013 crecerá máis e terá menos paro que o resto de España.

As políticas que a Xunta leva aplicando durante os últimos tres anos protéxena de ter que tomar no presente decisión máis drásticas, como sucede noutras comunidades.

PEAXES AP-9

Fomento recoñece que algúns tramos da AP-9 teñen as peaxes máis caras de España. O Ministerio traballa con Audasa para chegar a un acordo que rebaixe as contías que se abonan. É cuestión de facerlle ver á concesionaria que canto máis suban as tarifas menos recadarán, porque os cidadáns darán as costas á autovía e volverán a estradas sen peaxe.

A supresión das subvencións ás concesionarias de autovías é unha medida de xustiza. Non se pode destinar o diñeiro de todos os contribuíntes a unha infraestrutura que utilizan uns poucos, por importante que sexa.

Por outra banda, valoramos positivamente que Fomento estea a estudar alternativas gratuitas á AP-9. Así, nos tramos nos que non haxa alternativas á autopista, traballárase arreo para ofrecer outras opcións.

REDUCIÓN PROFESORES

Galicia non despedirá a ningún profesor con praza en propiedade, é dicir, todos os que aprobaron as súas oposicións. Por tanto, a denuncia da CIG só busca xerar confusión. Educación está agora no proceso de asignación de vacantes aos interinos, profesores que non teñen praza asignada porque non teñen aprobadas unhas oposicións nin teñen garantido traballo dun curso a outro.

Galicia adoptou decisións para garantir que siga habendo traballo para o profesorado interino. A principal é a de non aumentar o cociente de alumnos por clase, como permite o Ministerio. O aumento de horas por semana limítase a igualar os horarios dos docentes galegos coa media estatal. Permite aforrar recursos sen prexudicar a calidade do sistema.

Os sindicatos, e en especial a CIG, só buscan xerar tensión na sociedade cos que obter réditos políticos para os seus respectivos partidos. A educación pública en Galicia está blindada a pesar da caída dos ingresos autonómicos, así como as condicións laborais dos docentes funcionarios, aos que non se lles baixou o soldo, como si ocorreu noutras comunidades autónomas.

REDUCIÓN DEPUTADOS

A redución de deputados é unha medida que responde á demanda cidadá de que a clase política custe menos diñeiro público. A cifra de 61 escanos xa está recollida no Estatuto de Autonomía que apoiaron PP e PSOE, polo que non entendemos a pataleta do primeiro partido da oposición. Si comprendemos ao BNG, que non votou o Estatuto e dá as costas a Galicia nos grandes temas de país.

Dicir que hai fraude electoral nas eleccións é desacreditar aos máis de dous millóns de galegos que acoden a unhas urnas democráticas e transparentes. Dicir que hai fraude electoral é poñer escusas de perdedor, xa que coas cifras dos últimos vinte anos na man, a correlación de forzas no Parlamento non sufriría variacións se houbese 61 escanos. Dicir que hai fraude electoral é dar as costas a unha reivindicación cidadá.

A redución dos costes do Parlamento é o segundo capítulo das medidas de austeridade desta Lexislatura despois dos recortes aplicados nos costes da Xunta de Galicia.

O PPdeG negociará co PSOE e co BNG a aplicación desta iniciativa.

LÍMITE DE DÉBEDA

O Goberno fixou no último Consello de Política Fiscal un límite de débeda para as autonomías, ademais do tope de déficit. Busca que todas as administracións públicas estean comprometidas a combater a crise e poñan fin ao gasto público excesivo. Isto xerará confianza nos mercados e permitirá ás autonomías financiarse, algo que hoxe é imposible para algunhas polas súas elevadas débedas.

Non entendemos as queixas de Andalucía, unha comunidade que incumpriu sistematicamente os límites de déficit no últimos tres anos. Mentres Galicia facía axustes para reducir o gasto superfluo, Andalucía permitiuse seguir gastando máis do que tiña. Se Galicia axustou 3.000 millóns en tres anos dos seus orzamentos, Andalucía tamén o pode facer. Por exemplo, eliminando o case centenar de delegados provinciais, ou reducindo o parque móbil, ou recortando altos cargos, ou suprimindo gasto innecesario.

O problema de Andalucía é que ten un bipartito de perdedores, que é o contrario a austeridade, e máis de cen deputados autonómicos, fronte aos 61 que o PP propón para Galicia.

DEPUTACIÓN LUGO

A Deputación de Lugo recorre o decreto de servizos sociais por criterios políticos e non económicos nin administrativos. Besteiro está a facer unha emenda á totalidade á Lei de Servizos Sociais que aprobou o bipartito en 2008, onde xa se falaba de reforzar o papel das deputacións.

Ningunha deputación perdía recursos coa aplicación do decreto, xa que a Xunta compensaba os investimentos necesarios para as partidas de servizos sociais con transferencias para outros capítulos por importes similares. A Xunta non era insensible aos efectos que o decreto podía ter nos orzamentos destes organismos. Besteiro só busca protagonismo mediático e réditos persoais.

Non entendemos que Besteiro apoie na FEMP o reforzo do papel das deputacións na asistencia aos concellos, e cando chega o momento de aplicalo en Galicia expoña este recurso político.