Inicio

Soldos concellos, redución deputados,extra funcionarios,suba peaxes, investigación Concello Ourense

Xoves, 02 de Agosto 2012

SOLDOS CONCELLOS

O persoal de apoio dos equipos de goberno e os grupos municipais realizan un labor ao servizo do concello, e por tanto, ao servizo dos cidadáns. Permiten que os cargos electos desempeñen con maior eficacia os labores para as que foron elixidos. Deputacións e grandes cidades gastan menos que fai catro anos.

Os concellos gobernados polo PP son máis austeros que os de PSOE e BNG. Un goberno con maioría sempre é máis barato que unha suma de perdedores que deben contentar a dous partidos. Así foi coa Xunta e está a ser cos concellos.

Respecto dos soldos dos alcaldes, cremos que non se poden xeneralizar condutas illadas afastadas da austeridade e a responsabilidade en tempos de crise. A inmensa maioría dos alcaldes de Galicia souberon estar á altura das dificultades e rebaixar as súas retribucións. En Galicia, 82 alcaldes non perciben un euro por traballar para os seus veciños.

No entanto, tampouco se pode pedir a un alcalde que abandone un posto de traballo fixo para dedicarse á actividade pública e perda poder adquisitivo. Coa crise moitos rexedores pasaron de traballar a tempo parcial a facelo a tempo completo. A Fegamp propuxo no seo da FEMP a creación dunha táboa salarial a nivel estatal pola que os alcaldes se autorregulen na fixación das súas retribucións.

Rexeitamos a generalización dos concellos como administracións despilfarradoras. É incerta. Foron a única administración que reduciu a súa débeda en 2011 e segue facéndoo en 2012, a pesar de que segue prestando servizos que non lles competen, dando resposta ás demandas dos seus veciños.

REDUCIÓN DEPUTADOS

A redución de deputados non beneficia a ningún partido político, senón á cidadanía, á que os seus representantes democráticos lle custarán menos recursos en tempos de crises. Moi ao contrario, o máis prexudicado será o PP, por ser o partido maioritario e o que perda maior número de deputados.

Quen elixen a composición do Parlamento son os cidadáns, non o presidente Feijóo. Por tanto, a oposición debe deixar de buscar culpables externos aos seus fracasos futuros e tentar convencer aos galegos de que son partidos fiables e non unha fonte de enfrontamentos constante sen solucións para os problemas do país.

A redución de deputados xeraría un aforro de 6 millóns de euros por lexislatura, o equivalente a 600 prazas de escolas infantís ou centros de día. O PSOE quere que o diñeiro público vaia aos políticos e non a servizos para a cidadanía. Os socialistas proclámanse defensores do público pero queren perpetuar a políticos. Pachi renega agora do Estatuto, onde o PSOE votou a favor dos 60 deputados.

O compromiso do PP coa austeridade permitiu que a Xunta teña un -40% de consellerías, un -50% de algos cargos e un -40% de persoal de gabinete, ademais de rebaixar os soldos de presidente e conselleiros moi por baixo da época do bipartito. E todo iso, prestando servizos de calidade aos galegos. Se a Xunta púidoo facer, o Parlamento tamén.

EXTRA FUNCIONARIOS

O anuncio do portavoz nacional do BNG de que os concellos nacionalistas non acatarán a lei e pagarán a extra aos seus funcionarios parécenos un exercicio de rebeldía sen sentido e que só busca titulares fáciles. Todos estamos de acordo en que se trata dunha medida dolorosa e que a ningún gobernante lle gustaría ter que tomar, pero a situación económica do país esixe sacrificios hoxe para garantir o futuro de mañá.

Doutra banda, parécenos que Guillerme Vázquez non acordou o seu anuncio cos alcaldes da súa formación, porque en Monforte xa lle dixeron que non lle van a facer caso, e outro grupo de rexedores non teñen tan claro que vaian ser insumisos a un decreto do Estado que é normativa básica.

As ocorrencias xa non son patrimonio exclusivo do PSOE e Pachi, senón que o seu socio necesario tamén se abona a elas con tal de non falar de propostas realistas e efectivas para combater a crise, máis aló do marxismo-leninismo de salón da UPG e de portar pancartas coas que tensionar á sociedade.

SUBA PEAXES

Dentro das medidas de aforro impulsadas polo Goberno, o Ministerio de Fomento deixou de compensar ás concesionarias das autoestradas como viña facendo desde fai máis de dez anos. Non é unha medida agradable, pero é máis xusta que rebaixar as peaxes duns poucos cidadáns co diñeiro de todos, mesmo daqueles que non usan estas vías.

No caso de Galicia, entendemos a indignación dos usuarios da AP-9, xa que o servizo de Audasa nas últimas semanas non está á altura do que cabería esperar, moi lonxe dos mínimos estándares de calidade. A Xunta está vixiante ante os incumprimentos da concesionaria e non dubidará en tomar medidas se segue empeorando o servizo para unha infraestrutura clave para a mobilidade e vertebración de Galicia.

INVESTIGACIÓN CONCELLO OURENSE

Os populares queremos ser prudentes ante todo proceso xudicial aberto, aínda que se trate dunha simple denuncia que estea a ser investigada pola Fiscalía. No entanto, ante os datos que publica hoxe a prensa, parece escandaloso que se lle pagasen 236.000 euros a unha empresa supostamente a cambio de nada, e que posteriormente a esa mesma sociedade se lle adxudicase un contrato de 16,8 millóns de euros, con informe negativo da intervención municipal.

Cremos que ante estas presuntas irregularidades é imprescindible que o alcalde de Ourense dea a cara e responda aos ourensáns sobre o uso que dá ao diñeiro público. O PP de Ourense pedirá todas as explicacións necesarias, e esperamos que tamén o fagan os socios nacionalistas do alcalde, e que fagan algo máis que cobrar a final de mes.