Inicio

Teito do gasto, pagas extras, redución deputados

Venres, 03 de Agosto 2012

TEITO DE GASTO

Galicia volve facer os seus deberes. Galicia aprobou un teito de gasto realista, que limitará os Orzamentos de 2013. Serán unhas contas públicas de verdade, sen ingresos inflados nin gastos pensados para gañar unhas eleccións. É dicir, nada que ver co que ocorreu fai catro anos, que tivo nefastas consecuencias para as arcas da Xunta.

Galicia é ademais leal e responsable con España, e realiza esforzos pensando en contribuír á recuperación da economía nacional. O primordial é acotar o excesivo gasto público, reducir as necesidades de financiamento e poñer fin á recesión. Esta é a senda da solvencia.

Estas medidas que Galicia foi pioneira en aplicar agora séguenas o resto de comunidades. E ademais dan os seus froitos. Galicia é a comunidade máis solvente de España, a que menos intereses paga pola súa débeda, e a que pode manter blindados os servizos básicos esenciais sen recortes drásticos, como están a aplicar outras autonomías.

Lamentamos que a receita da oposición sexa gasto e máis gasto. Esa foi a fórmula de Zapatero e do bipartito, e é a que nos levou ao bordo do precipicio económico. A xestión do presidente Feijóo foi responsable e rigurosa e hoxe garante que Galicia sexa a comunidade que menos esforzos necesita facer para cumprir cos seus compromisos.

PAGA EXTRA

O Parlamento convalidou a normativa estatal que suprime este ano a paga extra de Nadal aos funcionarios. Non cabe insubmisión posible porque se trata de normativa básica do Estado. No entanto, a Xunta garantiu aos seus traballadores que lles será devolta esta cantidade no futuro. É a única comunidade de España que deu esta garantía aos seus empregados públicos.

Lamentamos que o PSOE e o BNG xoguen a enganar á cidadanía con esta cuestión, que non é unha medida caprichosa senón unha necesidade para garantir que as administracións públicas cumpren cos obxectivos de déficit. Isto non é unha medida opcional, senón de obrigado cumprimento. As leis están para aplicarse, non para saltalas.

O mellor exemplo do caos dos bipartitos de perdedores está na Deputación de Lugo. Besteiro di que non haberá paga e o Bloque di que si. Guillerme asegura que os seus alcaldes pagarán a extra, pero os principais rexedores négano. En lugar de sumarse aos esforzos que demanda a actual situación económica, a oposición fai o ridículo con tal de gañar un puñado de votos.

REDUCIÓN DEPUTADOS

O PP expuxo unha reforma do número de deputados amparada polo Estatuto de Autonomía de Galicia. É dicir, completamente legal e que busca reducir os custos derivados da representación política. A sociedade pide menos políticos, e tras recortar na Xunta, nas empresas públicas e nas institucións, agora esténdese ao Parlamento.

A oposición, en lugar de expoñer propostas razoables, limitouse ao insulto. É o único que saben facer. A Feijóo chamárono “Berlusconi galaico”, “totalitario”, “indigno”, “golpista”, “aprendiz de bruxo”, “fascista”, “trilero”... Esta é a capacidade de diálogo de PSOE e BNG, alleos á demanda da sociedade para que a clase política custe menos.

A Xunta xa custa menos que o bipartito de perdedores de PSOE e BNG. Un -40% de consellerías, un -66% de administración paralela, un -50% de altos cargos e un -40% de persoal de gabinete, ademais de baixadas xeneralizadas nos soldos de todos os cargos públicos, de entre un 22% e un 17%. O presidente da Xunta cobra menos que Pachi cando era conselleiro.

É indigno que a oposición cuestione a austeridade da Xunta. Haberá que preguntarse se non defenden máis os seus salarios como deputados que a necesidade de destinar eses 6 millóns anuais de aforro a escolas infantís ou centros de día.

COMISIÓN INVESTIGACIÓN NCG

O PP cumpre coa palabra dada polo presidente Feijóo e haberá unha comisión de investigación sobre NCG, que se iniciará a curto prazo. Galicia merécese saber que ocorreu nas dúas caixas de aforros para chegar á situación de dificultade en que se atopan, pero tamén merecía manter unha entidade propia, e hoxe xa se dan as garantías para que NGB siga adiante e consiga a súa capitalización.

O PSOE terá que explicar por que defendía que as dúas caixas galegas se fusionasen con entidades foráneas e liquidasen a súa galeguidade. Terá que explicar por qué daba a cara por directivos que hoxe están procesados e criticaba que o Parlamento aprobase unha lei para instar á súa renovación. Terá que xustificar o recurso político do Goberno de Zapatero contra a Lei de Caixas de Galicia.

A Xunta actuou con lealdade con Galicia en todo momento, impulsando que se mantivese un sector financeiro propio que dea crédito e xestione o aforro dos galegos con responsabilidade. Non todos poden dicir o mesmo.

Seguimos confiando en que NGB logre a capitalización necesaria, solucione o problema das preferentes canto antes, devolva o crédito a emprendedores e familias, e se converta nun instrumento máis para a reactivación económica.

SITUACIÓN ECONÓMICA

Indiferentemente das valoracións e interpretacións que se fagan das palabras de Mario Draghi, o que está claro é que o proxecto do euro é irreversible. Niso tamén coincide o BCE, e onte ratificárono unha vez máis Rajoy e Monti trala súa reunión. Ata o momento non saíu nin un só dirixente europeo que poña en dúbida o futuro de Europa.

Entendemos máis necesario que nunca pasar das palabras aos feitos. Hai un consenso unánime en que é necesario seguir construíndo Europa, e poñer en práctica os acordos adoptados polo Eurogrupo. Hai que garantir que os países da Eurozona poden financiarse de forma razoable para combater a crise.

España non vai ser rescatada, nin vai solicitar ningún rescate ás institucións europeas. España só demanda que se establezan os mecanismos de financiamento que xa están acordados pola UE e que acougará aos mercados.

España adoptou todas as medidas e reformas que eran necesarias para xerar confianza nos mercados. Polo que se a prima de risco non se relaxa é debido a turbulencias externas, non por ineficacias internas. España demostrou ser un país fiable e comprometido cos seus socios.

CIFRAS PARO

Os datos do paro de xullo son bos, pero non caeremos no triunfalismo. O desemprego segue tendo máis de 4,7 millóns de vítimas en España e 250.000 persoas en Galicia. Queda moito por facer, pero estas boas noticias son un estímulo para o PP. A pesar da estacionalidade do emprego creado, en anos pasados nin sequera se daban estas cifras.

Galicia, unha vez máis, demostra que mantén un diferencial respecto de España. Mentres a media estatal é do 0,6% de redución, en Galicia é do 3,35%. As reformas do presidente Feijóo dan os seus froitos en canto a economía o permite. Galicia leva tres anos de reformas, tres anos de vantaxe ao resto do Estado, que cada día é máis evidente.

REDUCIÓN PROFESORES

Lamentamos a confusión xerada a partir da interpretación realizada en relación aos datos publicados polo Ministerio. A explicación da diferencia das cifras aportadas pola Xunta e o Ministerio radica en que se comparan datos definitivos do curso 2010-2011 con datos aínda provisionais de 2011-2012.

A principios de curso, o propio conselleiro de Educación cifrou en 587 as amortizacións con respecto ao curso pasado.

Por outra banda, Educación está agora no proceso de asignación de vacantes aos interinos, profesores que non teñen praza asignada porque non teñen aprobadas unhas oposicións nin teñen garantido traballo dun curso a outro.

Galicia adoptou decisións para garantir que siga habendo traballo para o profesorado interino. A principal é a de non aumentar o cociente de alumnos por clase, como permite o Ministerio.