Inicio

FOLGA XERAL

Xoves, 15 de Novembro 2012

FOLGA XERAL

A folga xeral de onte foi un fracaso en todos os ámbitos. Fracasou en pretender parar a actividade económica do país, fracasou na súa pretensión de que o Goberno cambie a súa folla de ruta para sacar a España da crise, e fracasou á hora de propoñer alternativas máis aló da pancarta e a proclama baleira.

Os populares respectamos aos cidadáns que decidiron manifestarse pola tarde, exercendo os seus dereitos. Pero cremos que, no caso de Galicia, as políticas da Xunta foron referendadas hai apenas un mes nunhas eleccións autonómicas.

Lamentamos unha vez máis que os sindicatos se valesen dos piquetes supostamente “informativos” para coaccionar aos cidadáns que libremente querían exercer o seu dereito ao traballo e que entendían que da crise se sae con esforzo e non con manifestacións. Os sindicatos utilizan as folgas para seguir xustificando a súa existencia en lugar de para representar ao conxunto dos traballadores.

Ademais, condenamos enérxicamente os incidentes violentos que tiveron lugar en varias cidades de España. Unha vez máis, a imaxe do noso país ao exterior queda danada pola irresponsabilidade dalgúns. E o PSOE ten parte de responsabilidade, ao sumarse á convocatoria da folga. O PSOE non contribúe a que España ofreza unha imaxe de solvencia e estabilidade.

O Goberno non vai mover un milímetro a súa política económica, referendada onte expresamente pola Unión Europea. Esta axenda reformista está a poñer as bases para recuperar a senda do crecemento en canto cambie o contexto económico.