Inicio

Plante Parlamento, Lei de Bases, Caso Baltar, copago farmaceutico,etc

Mércores, 30 de Xaneiro 2013

PLANTE PARLAMENTO

A oposición no Parlamento facturou o día de onte pero non cumpriu coa responsabilidade principal do cargo de deputado, como é representar aos cidadáns durante as sesións plenarias. Fixo abandono de funcións nun bochornoso boicot á sede da autonomía galega.

É falso que Pilar Rojo vetase o acceso da cidadanía aos plenos da Cámara. A Presidencia do Parlamento limitouse a exercer o control sobre os invitados que os grupos da oposición non queren facer e que lles serve para axitar as sesións con colectivos profesionais da algarada. Outros casos similares ocorreron en Madrid, Navarra e Canarias.

Os cidadáns van poder seguir asistindo aos plenos, pero a partir de agora farano por invitación da Presidencia. Así ocorre tamén no País Vasco, onde se supervisan todas as peticións de invitacións.

A orixe deste maior control está nas ameazas de morte lanzadas por invitados dos grupos da oposición e que algún deputado aplaudía desde o escano. É vergoñoso que os deputados de BNG e AGE protagonizasen este boicot alentando o asalto de persoas non autorizadas ao salón de plenos.

Os populares apoiaremos a decisión da Presidencia do Parlamento de sancionar a aqueles deputados que vulnerasen o Regulamento por mero afán de protagonismo e de desgaste ao Goberno. En democracia, as normas deben ser respectadas. Os actos de onte demostran que para a oposición, todo vale para atacar ao PP e o Goberno, aínda que supoña vulnerar as normas.

LEI DE BASES

A FEMP descartou onte un acordo global sobre a reforma da administración local que está a estudar o Goberno. Os populares galegos lamentamos o boicot que o PSOE está a protagonizar ante esta reforma tan importante, e que ademais fai por intereses propios e non dos cidadáns.

O PSOE está a xogar ao populismo nesta reforma. Está a favor de fixar os soldos dos alcaldes porque ten o vento a favor do debate social e mediático, pero está en contra de reducir o número de concelleiros e persoal eventual, porque así pode colocar a menos xente en concellos e deputacións.

É falso que o Goberno vaia a suprimir mancomunidades, entidades locais menores ou baleirar de competencias aos concellos máis pequenos. Os últimos borradores coñecidos suavizaron a postura inicial do Goberno, atendendo ás alegacións da FEMP, as federacións territoriais e as comunidades autónomas.

É tamén falso que se vaian a privatizar as competencias, porque iso supoñería dicir que a recollida de lixos, a iluminación pública, a limpeza viaria ou o saneamento de augas é privado, cando se trata de concesións dun servizo de titularidade pública.

O PSOE quere confundir ao mundo local porque non lle interesa que se coñezan os detalles da reforma.

O Goberno dixo ademais que o seu texto lexislativo poderá ser emendado no Congreso e o Senado, polo que cabe a posibilidade de matizar e acordar os elementos que se crea conveniente.

CASO BALTAR

Queremos insistir unha vez máis no respecto á presunción de inocencia de calquera persoa, sexa cargo público ou non, como dereito fundamental nun proceso xudicial.

Dito o cal, chámanos a atención que os avogados da acusación convertesen en escándalo maiúsculo o feito de que varias das persoas contratadas pola Deputación de Ourense sexan do PP. Non sabíamos que pertencer a este partido era constitutivo de delito.

En todo caso, o que debe aclarar o xuíz é se os procedementos de contratación se facían conforme a dereito, e non se tal ou cal traballador milita nun ou outro partido. Porque se así fose, convidámoslle a que estenda a investigación ao Concello de Vigo ou a Deputación de Lugo.

COPAGO FARMACÉUTICO

A actualización que estuda o Ministerio de Sanidade débese a un incremento no IPC do 1,7%. A suba que iso tería sobre os topes que abonan os pensionistas sería case imperceptible. Estamos a falar de incrementos de entre 14 e 32 céntimos de euro ao mes.

Lembramos que as pensións non contributivas, os parados sen subsidio e as persoas con rendas de integración social non teñen ningún copago farmacéutico.

En Galicia, os pensionistas abonan de media menos de 4 euros ao mes en fármacos, polo que o incremento será aínda máis imperceptible.

RESCATE CATALUÑA

Cataluña pediu ao Estado 9.000 millóns de euros para este ano, case o dobre do que pediu para 2012. Con esta petición, Cataluña leva máis do 40% do volume total do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), xa que é incapaz de financiarse nos mercados a un interese asumible.

Isto demostra que cando interesa, a Generalitat si acode aos mecanismos habilitados polo Goberno de España, e cando non, enarbora a bandeira soberanista. Cataluña hoxe finánciase co diñeiro de todos os españois.

O FLA está a servir para demostrar que en España non hai fronteiras para os problemas nin para as solucións, e que o Goberno atende as necesidades de todos os cidadáns, con independencia de onde vivan.

Galicia, por segundo ano consecutivo, non acudirá ao FLA porque se pode seguir financiando ao interese máis baixo posible no actual contexto económico. Somos a comunidade que paga menos intereses pola súa débeda, a mellor valorada polas axencias de rating e a que cumpre co obxectivo de déficit ano tras ano.

EXTRA VIGO

O PP de Vigo non apoiou nin apoiará ningunha medida pensada para burlar as decisións do Goberno central. O que se aprobou en Vigo foi un incremento da partida destinada ao Fondo de Acción Social que existe desde 1999 e que está pensado para facilitarlle aos traballadores municipais facer fronte a gastos básicos.

O PP non se vai opoñer a ninguna medida que estea orientada a mellorar as condicións de vida das persoas. Outra cousa moi distinta é o uso que o Goberno local faga dese fondo, sobre o que estaremos alerta.

Evidentemente, o espírito inicial desa partida económica non é compensar a paga extra e agardamos que non sexa ese o destino que o Goberno de Abel Caballero queira darlle.