Inicio

CASO BARCENAS, CONTABILIDADE PPdeGALICIA, ENQUISA SONDAXE CORRUPCION

Luns, 04 de Febreiro 2013

CASO BÁRCENAS

Mariano Rajoy asegurou rotundamente o sábado que nunca percibiu diñeiro negro como dirixente do PP, e demostrarao publicando todas as súas declaracións da renda e patrimonio para que a cidadanía poida velo.

Negou ademais que o partido levase unha contabilidade distinta á que audita o Tribunal de Contas, que xamais se entregou diñeiro á marxe da regulación fiscal e que, por tanto, os papeis publicados non se corresponden coa realidade.

O PP defenderase dunha campaña de axitación contra os seus dirixentes e a súa imaxe baseada na insidia e a difamación xerada a través duns documentos que non son reais.

A oposición deu carácter verídico aos supostos documentos de Bárcenas despois de que Pío García Escudero recoñecese un dos apuntamentos. Pero resulta que ese préstamo que o PP lle concedeu si aparecía reflectido na contabilidade do partido, suxeita a retencións e declarada a Facenda (informa ABC).

Por tanto, a evidencia de que esas contas recollían movementos escuros desmóntase.

A petición de dimisión de Rubalcaba é un exercicio de cinismo e oportunismo político, e deixa en evidencia a falta de altura do líder da oposición. O único partido condenado en firme por financiamento ilegal foi o PSOE de González no que el tiña cargos no Goberno. Non é quen para dar leccións.

As declaracións de Rubalcaba só buscan unha axitación social coa que tentar obter rédito político, nun clima similar ao que seguiu ao 11-M en 2004. Entón, as súas palabras levaron á xente a manifestarse fronte ás sedes do PP. Este fin de semana volveu a ocorrer o mesmo.

Contabilidade PPdeG

Nos últimos días apareceron tamén informacións que sinalaban supostos pagos irregulares do PPdeG ao PP, amparados na presunta contabilidade de Bárcenas e na documentación incautada a Pablo Crespo.

Os populares galegos non damos credibilidade aos papeis que se atribúen a Bárcenas e que tentan salpicar ao PPdeG. Se nin sequera din a verdade respecto ao pasado máis recente, preguntámonos que credibilidade poden ter respecto do ocorrido hai 14 anos.

Respecto da actividade de Pablo Crespo, a xustiza xa a está investigando, e será a que deba ditaminar se se axustou á lei ou non.

O presidente Feijóo manifestou onte que desde a súa chegada ao partido en 2006, a contabilidade foi sempre transparente e acorde á legalidade. En 1999, Feijóo nin sequera militaba no PP, por tanto a súa responsabilidade pola xestión de entón é nula.

O secretario xeral do PPdeG entre 1999 e 2006, Xesús Palmou, negou tamén calquera irregularidade contable.

ENQUISA SONDAXE CORRUPCIÓN

A enquisa reflicte o notable malestar cidadán ante os casos de presunta corrupción que se están coñecendo nos últimos meses. Nun momento de crise económica como o actual, a sociedade está hipersensibilizada con estes escándalos, sobre todo cando se están pedindo sacrificios colectivos.

Os populares galegos queremos reivindicar unha vez máis a honestidade e honorabilidade da inmensa maioría da clase política, que en ámbitos como a administración local dedica moito tempo e esforzos (mesmo sen remuneración algunha) a tentar mellorar a vida dos demais. Que existan ovellas negras non pode devaluar a persoas que sempre actuaron con rectitude.

Ademais, queremos volver insistir no dereito á presunción de inocencia de calquera persoa, político ou non, ante unha imputación xudicial. Non podemos xulgar a ninguén por un titular en prensa ou unha denuncia illada. En España, non hai que demostrar inocencias senón probar culpabilidades, e que estas sexan expresadas por un xuíz. A perversión do sistema nos empobrecerá a todos como cidadáns.

CASO POKEMON

A concelleira Rebeca Domínguez acode hoxe de novo ante a xuíza instrutora para explicar os detalles do informe supostamente manipulado que a implicaría na adxudicación de contratos de servizos a Vendex, a empresa investigada no caso Pokemon.

Domínguez considerou que ese documento precisaba que se coñecese a súa versión, e é a que vai darlle á xuíza do caso.

Reiteramos unha vez máis nosa confianza na xustiza para esclarecer calquera comportamento irregular, así como o respecto á presunción de inocencia que garante o noso Estado de Dereito.