Inicio

RETIRADAS HONRAS A JOSE LUIS MENDEZ

Martes, 05 de Febreiro 2013

CASO BÁRCENAS

O PP defenderá a súa honorabilidade como partido político e a das persoas que o compoñen. Para iso, denunciará a calquera persoa ou medio que acuse o partido de financiarse ilegalmente ou de manter unha contabilidade ‘b’. O PP ten unha única contabilidade, auditada anualmente polo Tribunal de Contas, e que se atén ao marcado pola lei de financiamento de partidos.

O PP nunca abonou cantidades a traballadores ou cargos en diñeiro negro porque nunca existiu unha contabilidade así. Todos os pagos realizáronse coas correspondentes retencións e cotizacións sociais.

Os populares non temos nada que esconder. Por tanto, celebramos que a Fiscalía entre de oficio no asunto para que, canto antes, quede meridianamente claro ante toda a sociedade española que o PP cumpre estritamente a lei nas súas contas e nos pagos aos seus cargos e traballadores.

Nos últimos días estamos a asistir ao desmonte dos supostos “papeis ocultos de Bárcenas”. Primeiro díxose que eran unha contabilidade ‘b’, ata que se demostrou que numerosos apuntamentos contables foron perfectamente declarados, como o de Pío García Escudero. Logo atribuíronse ao ex tesoureiro, algo que onte negou rotundamente en dúas entrevistas. “Nin son os meus papeis, nin é a miña letra”, dixo Bárcenas.

Ata este momento, só hai unha cousa probada, e é a existencia dunha conta con 21 millóns de euros en Suíza titularidade de Luis Bárcenas e que nada ten que ver co PP, como el mesmo tamén manifestou.

Marido Ana Mato

Jesús Sepúlveda dimitiu da alcaldía de Pozuelo cando foi imputado polo caso Gürtel e pediu o seu reincorporación ao PP, no que ten praza como traballador. A lexislación laboral non permite un despedimento aducindo unha imputación xudicial, polo que se o PP o despedise, resultaría nulo ante un tribunal. Sepúlveda non acode á sede de Génova e limítase a realizar un traballo técnico que xustifique a súa retribución como empregado do PP.

DECLARACIÓN REBECA DOMÍNGUEZ

A concelleira de Santiago trasladou onte á xuíza a súa versión acerca dos detalles do informe supostamente manipulado que a implicaría na adxudicación de contratos de servizos a Vendex, a empresa investigada no caso Pokemon.

Domínguez considerou que ese documento precisaba que se coñecese a súa versión, e é a que deu á xuíza do caso.

Dado que o caso está posto a disposición xudicial, só cabe esperar ás decisións da xuíza instrutora. Non nos parece procedente entrar a especular se terá que chamar a declarar novamente a tal ou cal persoa.

ALCALDE CARBALLIÑO

Manifestamos unha vez máis o respecto pola presunción de inocencia de calquera persoa, imputada ou non, ante calquera investigación xudicial.

O alcalde do Carballiño negou onte calquera relación co ‘caso Pokemon’, xa que as súas decisións desde que accedeu á Alcaldía non foron favorables a Vendex senón todo o contrario, xa que paralizou a adxudicación da ‘zona ORA’ na que esta empresa era a única participante.

Argimiro Marnotes tamén explicou que a súa única relación con Vendex foi a instalación do céspede da súa casa, unha obra anterior ao seu acceso á Alcaldía.

Por tanto, cremos que Marnotes ten dereito a dar a súa versión á xuíza instrutora e aclarar os feitos que supostamente se lle imputan.

DEPUTACIÓN OURENSE

A versión achegada onte polo secretario da Deputación acerca da legalidade ou non dos contratos realizados por Baltar non deixa de ser a súa opinión, entendéndose ademais que busca eludir calquera responsabilidade persoal no proceso.

Nun Estado de Dereito, a versión que conta nun xuízo é a que dita o xuíz a través dunha sentenza. Será o maxistrado quen xulgue a legalidade ou non das devanditas contratacións, independentemente do partido político dos contratados.

Pedimos unha vez máis o respecto á presunción de inocencia de calquera persoa, sexa cargo público ou non.

Asesor

O posto de asesor da Presidencia da Deputación de Ourense xa estaba recollido nos orzamentos provinciais de 2013 cando foron presentados e aprobados. Por tanto, o seu gasto xa estaba consignado nas contas da entidade.

En total, a Deputación de Ourense contará con catro asesores para a Presidencia, fronte aos 27 que ten a de Lugo, gobernada por PSOE e BNG.

RETIRADA HONRAS JOSÉ LUIS MÉNDEZ

O Concello da Coruña aprobou onte unha moción do PP para iniciar os trámites de retirada das honras da cidade a José Luis Méndez, por entender que é responsable da mala situación financeira de Caixa Galicia e a toma de decisións como a venda de participacións preferentes sen control.

Aos populares galegos sorpréndenos a abstención do PSOE, que durante meses tentou criminalizar aos responsables das antigas caixas, e cando se dan pasos para unha reprobación civil, escóndese.

No canto de manifestarse contra a Xunta polo asunto das preferentes, o PSOE podería sumarse a pedirlle explicacións aos anteriores xestores das caixas. Pero en Vigo, os socialistas néganse a retirarlle as honras a Gayoso. Caballero mesmo chegou a manifestarse contra a lei de caixas e para manterlle o emprego a Gayoso.

Queda unha vez máis demostrado que o PP está á beira dos afectados polas preferentes, apoiando a arbitraxe para que recuperen os seus aforros nos casos de comercialización fraudulenta; está á beira da xustiza, ao pedir que se devolvan as indemnizacións millonarias percibidas polos ex directivos; e está ao lado da sociedade galega, ao impulsar a reprobación civil da xestión das caixas, que as levou á actual situación.